Durante o ano 2021, dende o Concello de Ferrol púxose en marcha un estudo coa finalidade de identificar e analizar as necesidades e potencialidades da cultura no municipio. Este estudo tivo unha forte compoñente participativa, polo que se contou coa colaboración de múltiples axentes socioculturais con actividade no municipio en diferentes accións, tales como: encontros temáticos, entrevistas e consultas públicas.

O estudo indica que unha das principais fortalezas da cultura ferrolá é a ampla variedade e diversidade de axentes socioculturais, pero tamén sinala como debilidade a falta de divulgación destes axentes e do seu labor en prol da cultura. É por iso que se entendeu necesario dispoñer dun espazo en constante revisión e actualización no que poder consultar a relación de axentes socioculturais activos no municipio.

Coa finalidade de visibilizar e promover o rico tecido sociocultural co que contamos en Ferrol, impúlsase o presente espazo web na que se poden consultar os diferentes axentes a través dunha guía interactiva.

Accede á Guía de Axentes Socioculturais

Os axentes socioculturais

Como poderás comprobar, estamos a empregar o termo axente sociocultural continuamente, e seguro que te estás preguntando a que nos referimos con el.

Por axente sociocultural entendemos calquera persoa ou entidade (asociación, empresa, artista, autónoma/o, institución pública…) que realiza labores relacionados coa cultura, en calquera dos seus ámbitos: a música, as artes plásticas e visuais, o audiovisual e a cultura dixital, as artes escénicas, o libro e edición, e mesmo a memoria, o patrimonio e a cultura popular. Podemos pensar, pois, en diferentes perfís de axentes en calquera fase do proceso da cadea de valor da cultura: dende creadoras ata difusores, pasando por xestoras, produtores ou formadoras, entre moitos outros.

Quizais o que máis te chame a atención é o prefixo socio. Ten a súa explicación: entendemos que por axente cultural poderían quedar excluídas numerosas entidades, especialmente asociacións, que fan un importante labor de dinamización sociocomunitaria co que, dunha forma máis ou menos transversal e indirecta, promoven a cultura nas súas diversas facetas. É por iso que nos decantamos polo termo sociocultural, entendendo que se trata dun termo máis inclusivo e que o aborda nun sentido amplo.